customer_image customer_image

Introdución

A Chave de Bascuas parte como un proxecto fin de grao, unha curtametraxe onde están involucradas varias empresas é un equipo de máis de 70 persoas. A idea é dar a coñecer unha lenda descoñecida, da que non existe moita información tanto en libros como na Internet, e que chega ata nós grazas ao boca a boca dos maiores da comarca Guitiricense. A lenda conta que cando unha persoa ou animal se vía afectada pola enfermidade da rabia, podíase curar por medio dunha chave que se atopaba na capela de Bascuas (San Salvador de Parga, Guitiriz). Existían dúas chaves que se queimaban ata volverse incandescentes, para despois marcar na fronte á persoa afectada e, deste xeito, poder curala. Preto desta capela, pódese achar outra pequena lenda sobre unha fonte, a da Veiga, na que as persoas tiraban miolos de pan á auga. Se as migallas flotaban, o desexo cumpriríase; se pola contra afundían, a petición non sería a desexada.

Sinopse

Marcelo é o avó de Antía, Xurxo e Roi. Despois de que Antía lle preguntase por unha marca na frente, o avó decide contarlles a historia sobre A Chave de Bascuas, unha lenda que se escoita desde antano na súa aldea natal. El relátalles que cando era pequeno coñeceu a Xoana, unha rapariga moi fermosa que lle contou que existía unha chave na Igrexa que curaba a xente e cumpría desexos. Marcelo apenas tiña 9 anos e fará todo o posible por conseguir esa chave e poder agasallarlla a súa amiga.

Finalidades do proxecto

O obxectivo deste traballo é dar a coñecer lendas perdidas de Galicia; mitos nos que a única fonte de coñecemento e a información e o boca a boca das persoas máis lonxevas da provincia. Tamén se pretende amosar o contorno desta pequena aldea; territorio moi valorado polas súas vistas e, tamén, polo coidado da súa flora e fauna. A idea será desenvolver unha curtametraxe dunha duración aproximada de entre doce e quince minutos onde se mostre a lenda desta pequena aldea, a vida nos anos 20 en Bascuas e, en Galiza en xeral, así como as festas, vestimentas e costumes da época.